Menu Close

NOVIDADES


Misiva da directiva ó respecto do congreso.

Prezadas socias e socios da AIEG,

Permitídenos retomar a organización do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, “Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos Estudos Galegos”, que terá lugar en Varsovia coas modalidades presencial e telemática do 21 ao 24 de setembro do 2022. 

Como informamos anteriormente, gardaremos as propostas que nos chegaron para o congreso adiado do 2021. Contactaremos con vós chegado o momento para que confirmedes o voso interese en participar no congreso do 2022 e, en caso afirmativo, daremos a posibilidade de facer algún tipo de modificación na proposta enviada no seu día. 

Tamén abriremos un novo período de recepción de novas propostas, que se enviarán novamente a través da páxina web da asociación (www.aieg.gal). 

Lembrade, por favor, que a modalidade híbrida complicará a loxística do evento, polo que intentaremos reunir todos os relatorios presenciais nun día concreto e os relatorios virtuais noutro diferente; é dicir, que non haberá mesas híbridas con relatorios presenciais e virtuais a un mesmo tempo nun mesmo lugar.

 

Informaremos tamén das posibles modificacións que se vaian dar en relación coas persoas que ían asistir como convidadas ao congreso anterior unha vez teñamos a confirmación das diferentes actividades programadas. 

 

Agradecemos unha vez máis o voso interese e aproveitamos esta ocasión para enviarvos un saúdo moi cordial.

O 28 de Outubro de 2021.

Misiva da directiva ó respecto do congreso.

 

Prezadas compañeiras e compañeiros,

 

Lamentamos comunicarvos que, por razóns alleas a nós, vémonos na obriga de adiar o congreso da AIEG para o 2022. A nova data será do 21 ao 23 de setembro 2022.

 

A universidade de Varsovia segue pechada e non abrirá as súas portas até outubro 2021 e, mesmo así, aínda non está claro que se poidan levar a cabo actividades extra-académicas de xeito presencial.

 

A nosa intención, como sabedes polas novidades que compartimos nas últimas semanas, é a de ofrecer un importante número de actividades culturais que, por cuestións loxísticas e técnicas, sería imposible levar a cabo de xeito virtual.

 

Aquelas persoas que enviaron os seus resumos non os terán que volver enviar, a non ser que queiran facer algunha modificación. Gardaremos todas as propostas que nos chegaron para cando teñamos que retomar os labores de organización.

 

Ademais deste email a través da lista de correo da AIEG, enviaremos tamén un email individual a todas estas persoas que tiñan a intención de participar cos seus relatorios no congreso deste ano.

 

Volveremos contactar con vós nos vindeiros meses, agardamos, con mellores novas.

 

Recibide un saúdo cordial.

 


Comprácenos tamén anunciar que a AIEG ofrece BOLSAS DE VIAXE a licenciadas/os, doutorandas/os e/ou desempregadas/os para financiar a estadía en Varsovia para o congreso en modalidadepresencial.
Como? As persoas que queiran solicitar estas bolsas de viaxe terán que indicalo na súa proposta e terán que enviar ao email da asociación un xustificante da súa condición predoutoral e/oudesempregada/o no caso de que a súa comunicación sexa aceptada.
Esperamos a túa proposta!